Você está na página 1de 4

O descenso de Inanna

A nosa señora Inanna deixou o ceo e deixou a terra; marchou ao mundo de baixo,
abandonou deuses e deusas e marchou ao mundo de baixo levando canda ela os sete
decretos dos deuses; sobre a súa cabeza puxo a coroa da chaira, untou a cara con
brillo, colleu o bastón de lapislázuli, abrochou arredor da gorxa o colar de
lapislázuli, cubriu os seus peitos de pedras preciosas, puxo no dedo o anel de
ouro e vestiu tódalas galas do seu señorío. Así marchou ela ao mundo de baixo;
díxolle á súa recadeira Ninxubur:
“Miña fiel criada, Ninxubur, recadeira de boas novas, teño que descender ao mundo
de baixo. Cando chegue alá, enche o ceo de lágrimas por min, corre no pazo dos
deuses dun cabo ao outro por min, espeta os ollos no chan e bícao por min, viste
como unha pobre, cunha soa peza de roupa e vai dese xeito ao palacio de Enlil;
nada máis entrar, ponte a chorar diante de Enlil dicíndolle: Pai Enlil, non deixes
que condenen á túa filla a morte no mundo de baixo, non deixes que do teu nobre
metal fagan lama no mundo de baixo, non deixes que no mundo de baixo escachen a
túa pedra de lapislázuli en pedra de canteiro, non deixes que no mundo de baixo
piquen o teu cofre de madeira en cañotas para o lume, non deixes que condenen a
morte á moza Inanna no mundo de baixo. Se Enlil non volve por ti, marcha a Ur, ao
pazo de Nanna, chora diante de Nanna e quéixatelle do mesmo xeito e se Nanna non
volve por ti, marcha a Eridu, ao pazo de Enki, chora diante de Enki e vólvete
queixar así, que o pai Enki, señor da sabidoría, sabe do xantar e da auga de vida,
ha volverme á vida.”
Marchou Inanna ao mundo de baixo e, ao chegar ao palacio de lapislázuli, á porta
do reino de baixo, falou de malos modos:
“Abre a porta da casa, porteiro, abre a porta da casa, Neti, que veño soa.”
Neti, o xefe dos porteiros dos infernos, contestoulle á sagrada Inanna:
“Fai o favor de dicirme quen es.”
“Son a raíña do ceo, alá onde nace o sol.” Contestou ela.

1
Entón díxolle o porteiro:
“Se es a raíña do ceo, alá onde nace o sol, porque viñeches ao país de onde non se
volve? Como te trouxo o teu corazón polo camiño do que o viaxeiro non volve?”
A sagrada Inanna contestoulle:
Pola miña irmá, Ereshkigal, por asistir ao funeral do seu marido Gugalanna a quen
mataron.”
Entón Neti, xefe dos porteiros dos infernos, contestoulle á sagrada Inanna:
“Queda aí un chisco en tanto vou falar coa miña raíña Ereshkigal.”
Neti marchou onde a raíña Ereshkigal e díxolle:
“Miña raíña, hai unha moza á porta, parece unha deusa, trae os sete decretos
divinos canda ela, na cabeza leva a coroa da chaira e brillo na cara, trae un
colar de lapislázuli arredor da gorxa, os peitos cubertos de pedras preciosas, un
corpiño e un anel de ouro; arranxou o seu corpo coas galas do seu señorío e mesmo
untou a cara de aceite.”
Contestoulle Ereshkigal a Neti, xefe dos porteiros dos infernos:
“Neti, ten a orella atenta á miña palabra: ábrelles os pechos ás sete portas dos
infernos, amósalle as leis expostas na primeira porta e, cando entre, inclínate
ata o chan diante dela.”
Neti, o porteiro dos infernos, obedeceu a palabra da raíña, abriu os pechos das
sete portas, amosoulle as leis dos infernos na primeira porta e inclinouse ata o
chan.
Ao entrar Inanna pola primeira porta quitáronlle da cabeza a coroa da chaira.
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela.
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
Ao pasar Inanna a segunda porta, quitáronlle o caxato de lapislázuli.
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela.
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
Ao pasar pola terceira porta, quitáronlle o colar de lapislázuli da gorxa:
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela.
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
Ao pasar a cuarta porta, quitáronlle as pedras preciosas que lle cubrían o peito.
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela.
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
Ao pasar a quinta porta, quitáronlle do dedo o anel de ouro.
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela.
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
Ao pasar a sexta porta, quitáronlle o corpiño.
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela.
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
Ao pasar a sétima porta, quitáronlle tódalas galas do seu señorío.
“E logo? Que é isto?” Preguntou ela..
“Perfectos son os estatutos dos infernos, non desconfíes das súas leis.”
O porteiro Neti volveu inclinarse ata o chan diante dela e alí estaba a sagrada
Ereshkigal sentada no trono e, ao seu pé, os sete Anunaki, xuíces dos mortos,
ditando sentencia. Espetaron en Inanna seus ollos de morte e dunha soa palabra o
corpo da moza, xa enfermo, volveuse cadáver e o cadáver acabou colgando dun pau.
Ao cabo de tres días e tres noites Ninxubur, a súa recadeira, encheu de lágrimas o
ceo, no pazo dos deuses correu dun cabo ao outro, cravou os ollos no chan e
bicouno coa boca, como unha miserenta puxo unha soa peza de roupa e foi ao palacio
de Enlil, onde, nada máis entrar, comezou a chorar diante de Enlil:
2
“Pai Enlil, non deixes condenar a morte nos infernos á túa filla, non deixes que
nos infernos fagan lama do teu nobre metal, que escachen o teu lapislázuli en
pedra de canteiro, que piquen o teu cofre de madeira en cañotas para o lume, non
deixes que condenen a morte a Inanna.”
Mais o pai Enlil non volveu por ela e marchou a Ur, á casa de Nanna, onde lle
repetiu a Nanna a súa súplica, que tampouco volveu por ela, así que marchou a
Eridu, onda Enki; choroulle coa a súa súplica e o pai Enki contestoulle:
“Que fixo agora a miña filla? Que desgusto! Que fixo a escrava do ceo?Que
desgusto!”
Enki sacou da uña un chisco de merda e amasouna ata facer a “Kurgarru”, volveu
sacar da uña outro chisco de merda e amasala ata facer a “Kalaturru”, a “Kurgarru”
deulle o xantar de vida, a “kalaturru” deulle a auga de vida e díxolles aos dous:
“Pasade as portas voando como moscas, coládevos polas bisagras coma fantasmas.
Ereshkigal ha estar alí deitada, recén parida. Non cubre os seus ombros liño fino,
nin ten os peitos cheos como as velas dun barco, mais en vez de uñas ten picarañas
e o pelo teno agromado como se foran porros. Se vos di: “Quen sodes? Se sodes
deuses achegádevos para encetar unha conversa, se sodes homes achegádevos para que
vos dea un destino.” Facédello xurar polo ceo e pola terra. Havos ofrecer un río
cheo de auga, non llo collades, havos ofrecer un campo cheo de trigo, non llo
collades, antes dicídelle que vos dea o corpo colgado do pau, ela hávolo dar,
entón que un de vós esparexe sobre o cadáver o xantar de vida sesenta veces e que
o outro lle bote a auga de vida outras sesenta veces e Inanna volverá erguerse.”
Kurgarru e Kalaturru escoitaron as palabras de Enki e marcharon voando como moscas
e coláronse polas bisagras da porta como fantasmas; alí atoparon a Ereshkigal
deitada por causa dos fillos que botara ao mundo tal como llela describira Enki.
Ela díxolles:
“Quen sodes? Se sodes deuses achegádevos para encetar unha conversa, se homes
vindes para que vos dea un destino.”
Fixéronllo xurar polo ceo e pola terra e achegáronse a ela. Ereshkigal ofreceulles
un río coa súa auga e non o quixeron, logo ofreceulles un campo de trigo e non o
quixeron, senón que lle pediron o cadáver colgado do pau. Contestoulles a sagrada
Ereshkigal:
“O cadáver colgado do pau é a vosa raíña.”
Eles contestáronlle:
“Sexa a nosa raíña ou o noso rei, dánolo.”
Deulles o cadáver colgado do pau e eles, de seguida, esparexéronlle por riba o
xantar de vida sesenta veces e a auga de vida outras sesenta veces e Inanna volveu
erguerse. Cando xa marchaba dos infernos, botáronlle a man os Anunaki e
dixéronlle:
“Onde se viu nunca que volvera ninguén do reino de baixo? Onde se viu nunca que
subira ninguén do reino de baixo fresco como unha rosa? Se Inanna quere marchar
dos infernos, que deixe un substituto!”
Así marchou Inanna do reino de baixo levando aos dous por escolta, en tanto que os
demos ían canda ela formando unha cancela arredor dela. Os demos non saben de
comida, non comen fariña nin beben bebida, tampouco gozan entre os brazos dun
marido, nin teñen neniños que bicar, mais arrancan dos brazos do home a muller e
do colo do home o neno; botan a noiva da casa do sogro, sacan a muller dos brazos
do home e ao neno do peito da aia. Tal compaña levaba Inanna, cando subía dos
infernos. Ninxubur botouse aos seus pés na primeira porta e sentou na lama coa
roupa emporcada. Os demos dixéronlle a Inanna:
“Inanna, marcha á túa cidade, nós quedámonos con esta.”
A sagrada Inanna contestoulles:
“Esta é a miña recadeira de palabras verdadeiras, non esqueceu as miñas ordes,
laiouse por min, bateu o tambor nos santuarios por min, visitou os templos dos
deuses, mancou os ollos por min, mancou as orellas por min, mancou no nariz por
min, mancou o traseiro por min, puxo por min, como unha miserenta, unha soa peza
de roupa, marchou onda Enlil, onda Nanna e tamén onda Enki e devolveume a vida.
Como había eu dárvola? Sigamos ata Umma.”
Ao chegar a Umma, a súa cidade, Xara botouse aos pés de Inanna e sentou na lama
coa roupa emporcada.
3
Os demos entón dixéronlle a Innana:
“Inanna, marcha á túa cidade, que nós habemos marchar abaixo con este.”
Inanna contestoulle aos demos:
“Xara é o meu cantor, faime a manicura e arránxame o pelo, como volo había dar? ”
Sigamos ata Emushkalama, no país de Bad-tibira.”
En Emushkalama, na súa propia cidade, Lulal botouse aos pés de Inanna e sentou na
lama coa roupa emporcada. Entón os demos dixéronlle a Innana:
“Inanna, marcha á túa cidade, que nós habemos marchar abaixo con este.”
Inanna contestoulle aos demos:
“Lulal vai sempre, á dereita e á esquerda, canda min; como volo había dar?
Sigamos ata a maceira grande que está na chaira de Kulaba.”
Seguírona ata a maceira grande na chaira de Kulaba. Alí estaba Dumuzi vestido de
roupa marabillosa e sentado nun magnífico trono. Os demos agarrárono ben polas
coxas, de xeito que non puidera tocala súa frauta. Ela mirouno con ollos de morte
e díxolle con palabras de ira. Berroulle. Era o berro da culpa: “Por canto tempo
aínda?... Levádeo!” (Falta texto.)
Así foi como a sagrada Inanna lles deu aos demos o seu amado Dumuzi e os demos
marcharon con el. Mais a sagrada Inanna non paraba de chorar amargas lágrimas polo
seu marido, nin de arrancar no pelo como quen arranca herba.
“Mulleres que durmides entre os brazos do voso home, onde está o meu precioso
marido? Nenos que durmides entre os brazos dos pais, onde está o meu neno?”
Inanna marchou aos infernos e achegouse chorando á irmá que estaba co seu amado
Dumuzi. Entre lágrimas colleu ao seu amante da man e díxolle:
“Querido, de hoxe en adiante, a metade do ano has quedar aquí... (Falta o final do
texto.)
5

Você também pode gostar