Você está na página 1de 9

TEMA 6: A CONFLITIVA CONSTRUCIÓN DO ESTADO LIBERAL (1833-1874)

PRIMEIRA PARTE: O REINADO DE ISABEL II (1833-1868)


INTRODUCIÓN
A evolución política do reinado de Isabel II caracterizarase pola consolidación do sistema político liberal,
se ben no se pode esquecer o enfrontamento entre liberais (que controlaron o poder político) e carlistas
que intentarán facerse co poder por medio da guerra. Non obstante as tensións internas entre
diferentes grupos liberais e o xurdimento de correntes opositoras (demócratas e republicanas) acabaron
por provocar a caída da raíña.

I. A REXENCIA DE MARÍA CRISTINA (1833-1840)


Trala morte de Fernando VII en 1833 iniciouse unha etapa de transición co pano de fondo da Guerra
Civil (Guerra Carlista) entre os partidarios de Isabel II e os do infante D. Carlos.
Mentres Isabel é menor de idade actuará como rexente a súa nai Mª Cristina. Esta buscará o apoio dos
máis moderados tanto entre os realistas como dos liberais.
Nesta etapa o LIBERALISMO divídese en dúas correntes:
 Liberalismo moderado: os seus seguidores eran partidarios dunha reforma a medias entre o
absolutismo e a soberanía nacional. Defendían o sufraxio censatario (o voto para os ricos).
Estarán apoiados en todo momento por Isabel e Mª Cristina.
 Liberalismo progresista: defendíano os partidarios da Constitución aprobada nas Cortes de
Cádiz; pretendían unha reforma social e política que limitase o poder do rei a favor do
Parlamento.

1. O RÉXIME DO ESTATUTO REAL (1834-1835)


Trala morte do rei, a súa viúva Mª Cristina ocupou a rexencia, ao mesmo tempo os sectores absolutistas
apoiaron ao seu irmán Carlos Mª Isidro para que tomara o poder iniciándose así a 1ª Guerra Carlista.
Ante esta situación Mª Cristina chamou a Martínez de la Rosa (liberal que estivera no exilio) para que
formara goberno. El foi o que promoveu o ESTATUTO REAL de 1834, carta outorgada que en realidade
era unha convocatoria a Cortes:
 Dividía as Cortes ou Parlamento en dúas Cámaras: Cámara dos Próceres (constituída por nobres,
clérigos e burgueses designados pola Coroa) e Cámara dos Procuradores (elixidos entre cidadáns
con rendas anuais elevadas)
 O rei non renunciaba ao seu poder (soberanía real),
O Parlamento só podería lexislar se o rei llo propoñía.
 O sufraxio era censatario (extremadamente restrinxido -0,1%- pois só poderían votar os máis
ricos).
O Estatuto foi rexeitado tanto polos liberais progresistas (que o vían demasiado conservador) como
polos carlistas (que o vían demasiado avanzado).
Outra das medidas tomadas nestes primeiros momentos foi a “División provincial”, levada a cabo por
Javier de Burgos: establecéronse 49 provincias co obxectivo de centralizar e racionalizar a
administración.

2. OS GOBERNOS PROGRESISTAS (1835-1837)


Decontado Martínez de la Rosa foi substituído polo conde de Toreno, e o novo xefe de goberno
nomeou ao progresista Mendizabal como ministro da Facenda. Tomáronse medidas como a disolución
de conventos con menos de doce relixiosos e a abolición da Compañía de Xesús. Neste momento
xurdiron movementos revolucionarios que deron lugar á formación de xuntas locais para asumir o
goberno. Entre as súas accións salientan a queima e asalto de conventos e a destrución de fábricas. Isto
fixo que a Igrexa se puxera do lado dos Carlistas e vira nos liberais os seus inimigos. Ademais, todas
estas medidas en contra dos intereses de Igrexa provocaron a ruptura de relacións coa Santa Sé.

1
Ante a situación de crise que atravesaba o país Mª Cristina nomeou a Mendizábal xefe de goberno. A
medida máis importante levada a cabo por este gobernante foi a desamortización dos bens do clero
regular, que lle foron expropiados á Igrexa e nacionalizados (pasaron a mans do Estado) para logo
vendelos aos cidadáns interesados. Con esta medida intentábase:
 Dar a posibilidade de posuír terras en propiedade a aqueles que non as tiñan, creándose deste
modo unha clase de pequenos e medianos propietarios que apoiarían aos liberais e pagarían
impostos polas súas propiedades á Facenda Pública, cousa que a Igrexa non facía (o Estado
asegurábase deste xeito uns ingresos que lle servirían para sanear as súas contas).
 Reducir o poder da Igrexa.
 Transformar o sistema de propiedade: que as propiedades amortizadas se convertan en
propiedade privada.
 Sanear as contas do Estado e contar cuns ingresos que permitisen rematar a Guerra carlista.
Mais os plans de Mendizábal non tiveron o éxito que el pretendía xa que non foi capaz de sanear a
facenda e a Guerra Carlista non remataba senón que constituía unha sangría económica para o país. De
novo a rexente intenta resolver a situación nomeando un presidente do goberno da tendencia
moderada.
Ante a situación de inestabilidade, neste ano, en agosto de 1836, tivo lugar o “Motín dos sarxentos de
La Granja”, unha rebelión de suboficiais no palacio real de Segovia, que deu lugar a un cambio de
goberno de signo progresista.
Neste goberno restablécese a Constitución de Cádiz e recupérase a lexislación de Cádiz e do Trienio
Liberal: gobernos municipais elixidos por sufraxio universal, os concellos recuperan funcións fiscais,
asistenciais... (os gobernos progresistas cederán funcións aos concellos; os moderados prefiren que
estean en mans do goberno central).
Ademais neste período redáctase a CONSTITUCIÓN DE 1837 que inicialmente é unha reforma da de
1812, pero que resulta ser algo novo. Esta Constitución caracterízase polo consenso entre moderados e
progresistas:
1) Refórzase o poder do Rei, xa que aínda que no preámbulo se recoñece a Soberanía Nacional (o
poder reside na nación) aplícase a soberanía compartida xa que a potestade lexislativa está nas
Cortes co rei, e ademais o monarca ten o dereito de veto sobre as leis aprobadas polo
Parlamento (isto quere dicir que podía opoñerse a que estas se aplicaran) e poderá tamén
disolver as Cortes.
2) As Cortes (Parlamento) pasan a ser bicamerais, están compostas por dúas cámaras que son o
Congreso dos Deputados e o Senado cuxos membros eran elixidos polo monarca nunha listaxe
que establecen os electores en número triplo aos postos a cubrir .
3) Mantense a división de poderes.
4) O sufraxio será censatario (2-7% da poboación)
5) Xuízos por xurados.
6) Recoñecemento dalgúns dereitos individuais: dereito de asociación e a liberdade de expresión.
7) Elección popular dos concellos e dos alcaldes.
8) O Estado non se declara explicitamente confesional, pero financiará a Igrexa Católica.
Desenvolveron a lei de imprenta, a lei electoral (sufraxio censatario masculino).

3. OS GOBERNOS MODERADOS (1837-1840)


As eleccións de outubro de 1837 darán o triunfo aos moderados. Os seus gobernos estiveron
condicionados pola marcha da guerra.
Nestes anos o poder militar estaba protagonizado por dous prestixiosos xenerais: NARVÁEZ, que
representaba o liberalismo moderado, e ESPARTERO, que representaba o liberalismo progresista. A súa
rivalidade prolongarase durante todo o reinado de Isabel II.

2
Os gobernos moderados tentaron desvirtuar os elementos máis progresistas e democráticos da
lexislación de 1837. Neste sentido destaca lei dos concellos, na que a coroa posúe o dereito a nomear
os alcaldes. O apoio decidido da rexente á política moderada provocou o enfrontamento directo dos
progresistas coa Coroa. Así, un amplo movemento insurreccional alzouse en numerosas zonas do país
polo que María Cristina ordenou a Espartero que o reprimise; este negouse e esixiu un goberno
progresista. En consecuencia, a raíña rexente nomea a Espartero e renuncia á rexencia. Marchará a
Francia e desde alí conspirará xunto aos moderados contra o goberno de Espartero.

4. A GUERRA CIVIL CARLISTA


O programa ideolóxico do CARLISMO resúmese na defensa da relixión (ultracatolicismo), do
absolutismo, da cuestión foral en Cataluña, País Vasco e Navarra (os “foros” eran os privilexios
particulares que tiñan estas tres comunidades) e dos privilexios do Antigo Réxime.
Os carlistas rexeitaron totalmente o labor das Cortes de Cádiz. Estaban apoiados principalmente polo
clero e o campesiñado pobre (que moi frecuentemente estaba manexado polos curas dende as
igrexas).Esta 1ª GUERRA CARLISTA desenvolverase en tres etapas:
 1ª Fase: iniciouse en 1834 trala morte de Fernando VII. Nela salienta o xefe Zumalacárregui, que
actuou no País Vasco e morreu durante o asedio de Bilbao.
 2ª Fase: entre os anos 1835 e 1837. Nela destacará o xeneral Cabrera e a acción carlista máis
importante foi a expedición real, encabezada por Carlos María Isidro, que tiña como obxectivo
impoñer un pacto a Mª Cristina. As tropas carlistas chegarán ás portas de Madrid pero o xeneral
Espartero obrigaraas a retirarse.
 3ª Fase, na que, ante as escasas perspectivas de conseguir o triunfo, xorden divisións entre os
partidarios de D. Carlos. A contenda remata co Convenio de Vergara, asinado entre os xenerais
Espartero (que representa a Isabel II) e Maroto (que representa os Carlistas). Nel prométese o
mantemento dos foros vascos e o recoñecemento dos oficiais do exército carlista (Espartero non
cumprirá estas promesas).
D. Carlos non acepta o acordo e a guerra continuará en Cataluña e Aragó, uns meses máis (ata
1840). Trala derrota, D. Carlos marchará a Francia.

II. A REXENCIA DE ESPARTERO (1840-1843):


Tralo remate da Guerra Carlista iniciouse unha etapa que se coñece como “réxime dos xenerais” polo
predominio que estes teñen na vida política do país. Salientarán ESPARTERO, NARVÁEZ e O´DONNELL.
O primeiro deles, ESPARTERO foi nomeado rexente logo da renuncia de Mª Cristina. Gobernou de xeito
autoritario e cando os liberais progresistas que el representaba deixaron de apoialo, aliouse cos
conservadores. Os seus apoios procedían das clases medias e dos denominados “ayacuchos” (militares
que loitaran na guerra da independencia das colonias americanas -o nome procede da cidade peruana
de Ayacucho-). Mentres el estivo á fronte do goberno:
 Levouse a cabo a desamortizacións de bens do clero secular (os curas das igrexas), fronte a clero
regular que eran os relixiosos dos mosteiros). As relacións coa Santa Sé (Papa de Roma) serán
cada vez peores.
 Aprobouse a Lei Paccionada (1841), que recoñece a Navarra parte das súas institucións forais a
cambio de aceptar o réxime común administrativo e o pago dun cupo económico. (As concesións
feitas a Navarra supoñían a renuncia ao principio liberal da unidade institucional do Estado).
 No aspecto económico aplica unha política librecambista con aranceis moi reducidos para os
produtos estranxeiros que entraban no noso país. Por este motivo foi acusado de “venderse aos
ingleses” xa que se cría que beneficiaba a entrada de produtos dese país.
A partir de 1842 a popularidade de Espartero viuse moi reducida e empezaron a fallarlle os seus apoios.
Por exemplo, os industriais téxtiles cataláns estaban indignados xa que a súa política librecambista
permitía a entrada de tecidos británicos fundíndolles a eles o negocio. Houbo un motín e o propio
Espartero ordenou para reprimilo o bombardeo de Barcelona, no que se destruíu unha gran cantidade
3
de edificios e causou un elevado número de mortos. Progresistas e moderados uniranse ao xeneral
NARVÁEZ en contra de Espartero, de xeito que a este non lle quedou máis remedio que renunciar e
exiliarse en Londres.
Ante a posibilidade do regreso de Mª Cristina, decidiuse o adianto da maioría de idade de Isabel II, e
deste xeito comezará a reinar con tan só 13 anos.
III. O REINADO PERSOAL DE ISABEL II (1844-1868)
Isabel II inicia o seu reinado persoal aos trece anos. Gobernou apoiándose, agás períodos moi breves, en
políticos moderados ou ultramoderados.
Pódense distinguir tres períodos: a década moderada (1843-1854), o bienio progresista (1854-1856) e o
período moderado-unionista (1856-1868). En 1868 a acción da oposición expulsou do trono a Isabel II.

1. A DÉCADA MODERADA (1844-1854)


Ao longo do reinado de Isabel II irase configurando o sistema de partidos políticos. Porén, os partidos
políticos no século XIX eran moi diferentes dos actuais: tratábase de agrupacións de persoas influentes e
poderosas (notables) que tiñan uns medios de comunicación (prensa, xornais) que os apoiaban
incondicionalmente e nos que existía unha forte compoñente individualista que os levaba á división
interna e ao enfrontamento entre os seus dirixentes. Por outra banda, cómpre ter en conta que as
eleccións estaban amañadas entre estes partidos. O peso dos dirixentes (Espartero, Narváez,…) era moi
importante e a participación nas eleccións era escasa pola pouca confianza que a xente tiña na súa
transparencia. Nelas votaba unha reducida porcentaxe de poboación e case sempre as gañaba o partido
que estaba no poder (o que as convocaba).
Os cinco grandes partidos na época de Isabel II foron: MODERADO, PROGRESISTA, DEMÓCRATA,
UNIÓN LIBERAL e CARLISTA.

Trazos característicos dos partidos moderado e progresista:


Partido moderado: soberanía compartida entre o rei e as cortes, pretendían un Estado e
unha administración moi centralizada, sufraxio censatario moi restrinxido, a monarquía é
símbolo de orde fronte a desorde popular, reconciliación coa Igrexa, representaban as
clases máis ricas.
Partido progresista: Soberanía nacional, sufraxio censatario, pero máis amplo que os
moderados; o rei exercería o poder executivo, fortalecemento dos poderes locais fronte ao
centralismo dos moderados; accederán ao poder a través de pronunciamentos.

Nos anos 1844-1854 haberá varios gobernos pero en realidade será Narváez quen manexará os fíos da
política. Os xornais progresistas serán pechados e os levantamentos deste signo serán reprimidos
duramente.
O labor de goberno da década moderada
Con este primeiro goberno de Narváez iníciase a “DÉCADA MODERADA” denominada deste xeito polo
predominio deste partido político no poder. O seu labor centrarase na creación dun Estado centralizado
e uniforme. Para conseguilo tomará as seguintes medidas:
 Aprobación da CONSTITUCIÓN DE 1845, de carácter moderado e baseada no liberalismo
doutrinario ou conservador. Estableceu:
 Soberanía compartida entre o rei e as cortes con primacía do rei.
 Supremacía política da coroa que tiña o poder executivo, compartía coas Cortes o poder
lexislativo, nomeaba o goberno, designaba aos senadores (escollerá os senadores entre as
altas xerarquías da igrexa, o exército e a oligarquía - os máis ricos-).
 Restricións das liberdades individuais.
 Confesionalidade católica de España
4
 Sufraxio censatario moi reducido (0,8-1,6% da poboación).
 Supresión da Milicia Nacional.
 Suspendeuse a venda das terras desamortizadas e devolvéronse aos seus propietarios os bens
que non foran vendidos.
 Reforma educativa de Gil de Zárate que establece tres niveis educativos: Primaria, Secundaria e
Universidade.
 Creación da Garda Civil (1845): Suprime a Milicia Nacional dos progresistas e no seu lugar créase
a Garda Civil. Finalidade: Mantemento da orde nas zonas rurais, defensa da propiedade e control
da orde social.
 As leis de administración local e provincial de 1845 modificaron o funcionamento dos Concellos
e das Deputacións. Os concellos pasaron a ser elixidos por sufraxio censatario (os maiores
contribuíntes) e a coroa podía designar os alcaldes das capitais de provincia e cidades máis
importantes.
 A nova Lei da Facenda simplificou o sistema tributario e intentou reducir a débeda do Estado.
Reforma económica de Alejandro Mon e Ramón Santillán: os impostos estableceranse de
acordo cos principios de igualdade e proporcionalidade, distinguindo entre:
-Impostos directos (contribución sobre bens inmobles, terras, gandos e o subsidio industrial e
comercial)
-Impostos indirectos (os “consumos” sobre a fariña, carnes, aceite, xabrón...)
Esta reforma foi mal recibida por:
- comerciantes e industriais, xa que nunca pagaran polo desenvolvemento da súa actividade.
- clases populares, moi prexudicadas polos consumos. Motíns contra os “consumos”.
 Creouse a Comisión Nacional de Codificación que aprobará Códigos Lexislativos (conxuntos de
leis) tan importantes como o Código do Comercio, o Código Civil ou o Código Penal entre outros.
 Nesta época fíxose popular a práctica das Cesantías: cada partido colocaba a súa xente na
administración do Estado, de tal xeito que cando este perdía as eleccións e tiña que deixar o
poder nas mans do outro, un elevado número de funcionarios quedaban sen traballo (cesantes)
xa que o novo goberno poñía nestes postos aos seus partidarios.
Oposición ao goberno de Nárvaez
- Narváez, ademais de ter que enfrontarse cos progresistas tiña que facelo tamén coas diferentes
tendencias dentro do seu partido, a máis importante de todas era a denominada “puritana”
representada por Francisco Pacheco e próxima ó progresismo. Pacheco ocupará a presidencia
do goberno en 1847 adoptando medidas como decretar unha amnistía xeral que permitiu o
retorno de moitos dos exiliados no estranxeiro (regresará Espartero), mellorou o sistema de
recadación de impostos da Facenda e aplicou medidas económicas librecambistas.
Entre 1847 e 1851 Narváez está de novo dirixindo o goberno: creou os Gobernadores Civís e
consolidou aínda máis o sistema de corrupción electoral premiando aos que se beneficiaban del
e castigando aos que o denunciaban.
- O partido demócrata, creado en 1849. Defende a soberanía popular, o sufraxio universal,
limitación dos poderes do rei, poderes locais elixidos democraticamente, amplos dereitos e
liberdades, Estado laico... Terán o apoio das clases medias.
- Tiveron lugar diversos pronunciamentos de carácter progresista:
- Pronunciamento de Miguel Solís en Lugo (1846). Ademais de peticións progresistas, iniciase
o provincialismo con demandas especificamente galegas. As tropas de Solís serán
derrotadas e executadas (mártires de Carral).
- Pronunciamento en Madrid en 1848 que, aínda que conseguiu estenderse a outras cidades
acabou fracasando e foi duramente reprimido por Narváez. A partir deste momento Narváez
converterase nunha especie de Ditador co apoio do Congreso de Deputados.

5
- Segunda Guerra Carlista (1846-1849) coñecida como a “Revolta dels Matiners”. Sublevación
carlista protagonizada polos campesiños en protesta pola crise agraria, os impostos e o
recrutamento do exército, reivindicando os dereitos de Carlos VI (fillo de Carlos María Isidro). Foi
duramente reprimida.
O goberno de Bravo Murillo
Entre 1851 e 1852 Bravo Murillo presidiu o goberno e foi ministro de Facenda. O seu principal obxectivo
estivo en sanear a débeda pública. Modernizou a administración e intentou crear unha burocracia
(conxunto de funcionarios da administración) moderna e ao servizo do Estado.
En 1851 asínase un Concordato coa Santa Sede (Vaticano) que pretendía eliminar as discrepancias
xurdidas pola desamortización, nel recoñécese:
- a relixión católica como a única en España
- acéptase a inspección da Igrexa sobre o sistema educativo para adaptalo á moral católica
- recoñécese o dereito da Igrexa a adquirir e posuír propiedades
- permítese a existencia de certas ordes relixiosas masculinas e creouse a contribución de culto
e clero que supoñía que o Estado ía soster economicamente a Igrexa
Neste goberno redactouse un novo proxecto constitucional con trazos máis conservadores que a
Constitución de 1845. Bravo Murillo dimitiu en 1852 ao non saír adiante o seu proxecto constitucional.

2. O BIENIO PROGRESISTA (1854-1856)


O aumento da corrupción e da inestabilidade política fixo que un grupo de militares se pronunciara ao
mando dos xenerais DULCE e O´DONNELL na localidade madrileña de Vicálvaro, de aí o nome de
VICALVARADA co que se coñece a este pronunciamento.
Redactarase o MANIFESTO DE MANZANARES (redactado por Cánovas del Castillo) no que se pide unha
rexeneración (saneamento) da vida política do país: supresión da camarilla de palacio, mellora das leis
de imprenta e electoral, redución de impostos, etc. Os revolucionarios agardarán a chegada de
Espartero para que forme goberno.
O labor do goberno do bienio progresista
Esta etapa estivo dirixida por dous militares: Espartero, dirixente dos progresistas, e O´Donnell (que
formará a Unión Liberal, agrupación de progresistas e moderados).
Con Espartero á fronte do goberno adoptaranse medidas como:
 Ascenso dos militares que participaron na revolución
 Convocatoria de eleccións
 Liberdade de prensa
 Tolerancia relixiosa
 De novo, exilio forzado de Mª Cristina (nai da raíña Isabel).
 Unha das medidas máis importantes foi a adoptada por Pascual Madoz, ministro de Facenda que
iniciou a Lei de desamortización xeral (1855). Puxéronse en venda bens da Igrexa (o cal creou de
novo inimizade coa Santa Sé de Roma), bens municipais e das Ordes Militares. Esta lei supuxo un
duro golpe para a economía dos concellos e para os campesiños pobres e os xornaleiros,
incapaces de comprar as parcelas que saíron á venda e que se viron desposuídos do usufruto
das terras comunais. As medidas de Madoz provocaron, a partir de entón, un empeoramento
das condicións de vida de moitos campesiños e un incremento das tensións e protestas sociais
no campo, sobre todo en Andalucía. Os obxectivos desta desamortización eran contribuír a
sanear a débedas do Estado e obter fondos para o investimento en grandes obras públicas
(ferrocarril)
 Celebración de Cortes Constituíntes nas que se discutiron criterios democráticos como a
liberdade relixiosa, o sufraxio universal, o dereito de manifestación… Acabarase redactando a
constitución de 1856, coñecida como “non nata” (non nacida) porque non chegou a entrar en
vigor. Era de carácter progresista e defendía a Soberanía popular, recuperaba a Milicia Nacional,
6
establecía un Parlamento Bicameral (dividido en dúas cámaras: Congreso dos Deputados e
Senado), independencia de xuíces e tribunais, establecía a creación do Consello de Estado,
defendía a liberdade de imprenta, a elección directa dos alcaldes, a liberdade relixiosa etc.
A crise do bienio progresista
As diferenzas entre Espartero (progresista) e O'Donnell (que crea o partido Unión Liberal), a oposición
dos moderados e do carlismo (que promove partidas armadas no campo), a falta de apoio popular e o
malestar social provocado polos impostos de consumos, a alza de prezos e as quintas (folga xeral en
Barcelona -1ª folga xeral en España-, disturbios campesiños, e motíns en cidades), o descontento dos
funcionarios pola débeda pública que impedía ao Estado pagarlles os seus soldos, etc. deron lugar a
unha grande inestabilidade política e ministerial.
Esta situación foi aproveitada por O'Donnell para protagonizar un novo pronunciamento: rodeou con
tropas o Congreso e disolveu as Cortes. Finaliza así o Bienio Progresista e iníciase unha etapa de
predominio moderado na que gobernarán O'Donnell (Unión Liberal) e Narváez alternativamente
Relevancia do bienio progresista
O breve período de tempo que dura o goberno progresista ten especial relevancia por:
 Intento de estender as bases do réxime liberal a través da liberalización dos mecanismos
electorais e a ampliación das liberdades fundamentais.
 Consolídase a tendencia democrática (o partido demócrata fundárase en 1849 e ten como
trazos máis salientables a defensa da soberanía popular e o sufraxio universal, poderes locais
elixidos democraticamente, limitación ao máximo posible dos poderes do rei,…) e favorece o
desenvolvemento de tendencias republicanas.
 O movemento obreiro ensaia as súas primeiras formas de acción política (primeira folga).
 En Galicia continúa o desenvolvemento do provincialismo: Banquete de Conxo (festa progresista
e republicana de 1856) e publicacións de carácter provincialista: El Miño, El clamor de Galicia,
nas que colaborou Manuel Murguía (principal teórico do galeguismo).

3. A DÉCADA MODERADA-UNIONISTA E A FIN DO REINADO DE ISABEL II (1856-1868)


A última etapa do reinado de Isabel II caracterizouse polo retorno do moderantismo ao poder. Como xa
sinalamos, gobernarán alternativamente O’Donnell (Unión Liberal) e Narváez (partido moderado).
O´DONNELL gobernará apoiado no partido Unión Liberal, que se definía como un partido de centro.
Trazos característicos da Unión Liberal: termo medio entre progresistas e moderados, soberanía
compartida rei e Cortes, representa aos sectores acomodados, defende a orde social.
Inicialmente accede ao poder a Unión Liberal de O´Donnell que desmantelou parte do labor político e
lexislativo do Bienio, manténdose unicamente leis como a liberdade de imprenta, a desamortización e a
lei dos concellos (elección alcaldes mediante sufraxio) e introduce unha pequena reforma de signo
progresista na constitución de 1845 (Acta Adicional). Isto provocou o descontento da raíña e pronto
O´Donnell foi destituído e substituído por Narváez
Con Narváez no goberno vólvese ó moderantismo máis conservador e autoritario que se traduce nas
seguintes medidas:
 Derrogou a modificación da Constitución de 1845.
 Suspendeu a desamortización.
 Convocou eleccións en 1857, que serán gañadas polos conservadores.
 No terreo educativo aprobouse a Lei de Instrución Pública (denominada Lei Moyano), cuxos
aspectos máis destacados foron: regulamentación do sistema educativo nos tres niveis (primeira
ensinanza, segunda ensinanza e ensinanza superior), creación dos Institutos de Ensinanza Media
e recoñecemento do dereito da Igrexa a inspeccionar o sistema educativo.
 Finalízanse grandes obras públicas como o Canal do Ebro e o Canal de Isabel II.
7
 Faise o primeiro censo (reconto) oficial de poboación
 Promóvese o ferrocarril e o telégrafo.
No ano 1857 ten lugar unha grave crise pola escaseza de trigo, o que agudizou os conflitos sociais, aos
cales o goberno respondeu coa represión, encarcerando e fusilando os que participaban neles. Narváez
dimite e substitúeo, de novo, O´Donnell.
O “goberno longo” de O´Donnell (1858-1863).
Foi unha etapa pouco común no reinado de Isabel II xa que houbo catro anos de estabilidade, de 1858 a
1863. Nesta etapa podemos salientar os seguintes acontecementos:
 Distanciamento dos dous extremos políticos (moderados e progresistas).
 Manipulación das eleccións.
 Na política exterior lévanse a cabo accións militares que teñen como obxectivo prestixiar a nivel
internacional a Monarquía española e lograr, no interior, a exaltación patriótica e a unión de
todas as forzas políticas nunha causa común. Entre estas accións salienta a Guerra de África
(1859-1860), na que se reforzan as posicións territoriais en Marrocos e estableceuse un tratado
comercial preferente. Outras accións militares tiveron lugar na Conchinchina, Perú, Chile...
 Na administración do estado créanse novos corpos de funcionarios como os enxeñeiros de
montes, a carreira fiscal, os corpos docentes, etc.
 Crecemento económico: impulso da banca, os negocios, as empresas públicas... Pero non foi
posible un verdadeiro crecemento económico xa que houbo que recorrer a capital estranxeiro.
O liberalismo en crise: a volta de Narváez, revolución e fin do reinado (1863-1868)
Tras a sucesión dunha serie de breves gobernos inestables e ineficaces, Isabel II recorreu de novo a
Narváez para afrontar os numerosos problemas:
 Desde a caída de O’Donnell, os unionistas e progresistas afástanse do xogo político e se
aproximan aos demócratas.
 A figura da raíña está cada vez máis desprestixiada:
 A Cuestión Romana: Asunto de política exterior xurdido tras a unificación de Italia.
Estableceuse Roma como capital do novo estado, pero nesta cidade estaba tamén o
Vaticano (residencia do Papa) e este non recoñecía o novo Estado. Isabel II apoiará ao Papa
nesta cuestión enfrontándose deste xeito ao novo Estado italiano.
 O profesor universitario Emilio Castelar, autor dalgunhas críticas contra a raíña, foi
destituído da súa cátedra, o que provocou manifestacións de estudantes que foron
sufocadas duramente provocando varios mortos e numerosos detidos. Estes sucesos son
coñecidos como as Protestas da Noite de S. Daniel. Como consecuencia a raíña verase
obrigada a destituír a Narváez e chamar de novo a O´Donnell.
Con O’Donnell novamente no poder, os problemas non cesarán. Haberá sublevacións e conspiracións
contra o goberno:
 En Xaneiro de 1866, a sublevación do xeneral Prim rematou en fracaso e este tivo que marchar
ao estranxeiro dende onde continúa conspirando en contra da raíña.
 En Xuño de 1866 ten lugar o Pronunciamento Militar de S. Gil ao que se sumaron civís. Foi
reprimido. Tras estes feitos O’Donnell dimite e marcha a Francia (falecerá pouco despois)
Narváez é chamado de novo a presidir o goberno.
En agosto de 1866 asínase o Pacto de Ostende, en Bélxica entre progresistas e demócratas, para
desaloxar do trono a Isabel II. En 1867 súmase ao pacto a Unión Liberal.
Ao deterioro da situación política hai que engadirlle a crise económica de 1866 que afectou a todos os
sectores produtivos e ás finanzas. A crise afecta ao sector téxtil, á siderurxia, á escasa rendibilidade das
liñas férreas, á banca e á bolsa, que se ven sacudidas por unha burbulla especulativa arredor da
construción ferroviaria. Ademais, os altos prezos do trigo provocaron unha crise de subsistencia (fame)

8
que golpeou aínda máis ás clases baixas. O xeneral Prim, ante o medo de que esta crise derive nunha
revolución social decide entrar na conspiración con outros militares progresistas como Serrano e Dulce.
O pronunciamento definitivo terá lugar en Cádiz en setembro de 1868. A REVOLUCIÓN de SETEMBRO
de 1868 máis coñecida como “A GLORIOSA” ou Setembrina, obriga a Isabel II a abdicar e exiliarse,
rematando definitivamente o seu reinado.

IV. GALIZA NO TEMPO DE ISABEL II: O XERME DO GALEGUISMO


Galiza tamén foi escenario do enfrontamento entre partidarios do liberalismo e do absolutismo.
Numerosas faccións carlistas actuaron espalladas por todo o territorio galego mais o carlismo fracasou
debido principalmente a que estaba encabezado polo clero e a fidalguía, que aspiraban a perpetuar os
privilexios de que gozaban no sistema que os liberais quería desmontar. Isto provocou a desvinculación
do campesiñado da causa carlista.
Durante o reinado de Isabel II definíronse en Galiza as dúas correntes internas do liberalismo: a
moderada e a progresista. Estreitamente relacionada co liberalismo progresista xurdiu unha corrente
galeguista: O PROVINCIALISMO.
Nace nos anos 1840-1846, no seo do Partido Progresista. Debe o seu nome á defensa da recuperación
da unidade territorial de Galiza, fragmentada na división provincial de 1833 en catro provincias, así
como á reivindicación de certos niveis de autogoberno, que se xustifican pola súa personalidade
histórica e etnolingüística.
O primeiro grupo provincialista, moi concentrado en Santiago, estaba formado por estudantes da
Universidade e médicos, avogados, profesores e algún militar. O seu centro de reunión era a Academia
Literaria de Santiago, onde se debatía sobre cuestións de historia, dereito, economía e literatura, cunha
mentalidade progresista. Tamén editaban os seus propios xornais.
Este grupo introduce no pensamento galego o historicismo, isto é, a convicción do carácter singular de
cada pobo, que se manifesta nunha traxectoria histórica propia e ás veces tamén, como no caso de
Galiza, nun conxunto de carácteres étnicos irrepetibles. Todo isto implicaba que Galiza era un organismo
colectivo que, por existir obxectivamente, tiña uns dereitos culturais, económicos e políticos que
cumpría atender, descentralizando parcialmente o poder político.
O descubrimento de Galiza como unha unidade perfectamente diferenciada doutros pobos foi labor da
xeración de 1846, entre os que destaca Antolín Faraldo, que a través dos seus escritos puxo de
manifesto as características diferenciadoras de Galiza e os seus problemas: falta de industrialización,
ruralización, atraso, illamento... A primeira posta en práctica destas ideas manifestouse no
Pronunciamento de 1846 encabezado por Miguel Solís Cuetos contra o goberno moderado de Narváez.
Propiciou a formación en Santiago dunha Xunta Superior de Goberno de Galicia, que denunciou a
explotación que padecía o pobo galego e o desexo de rexeneración. Acabou en fracaso (fusilamentos de
Carral).
No ano 1847, malia a represión exercida sobre o núcleo progresista compostelán, fúndase o Liceo de la
Juventud de Santiago de Compostela, sociedade artística e recreativa, liberal e progresista, na que
confluíron numerosos galeguistas: Aurelio Aguirre, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal... Son Pondal e
Aguirre os organizadores do Banquete de Conxo, festa progresista e republicana celebrada para reunir
artesáns e estudantes o 2 de marzo de 1856.
Na década de 1850, aínda que Santiago de Compostela seguía a ser o centro neurálxico do
provincialismo, xurdiron núcleos galeguistas noutras localidades, nas que se imprimían numerosas
publicacións de carácter provincialista. Entre os máis importantes estaban: El Clamor de Galicia (A
Coruña), La Oliva (en Vigo), O Tío Marcos d’a Portela (Ourense), La Ilustración Gallega y Asturiana
(Madrid). Case todos estes xornais apoian, ademais, as posturas máis avanzadas durante o reinado
isabelino. Neles colaborou Murguía, quen axiña se convertería no principal teórico do galeguismo
elevándoo a teoría política na súa obra Historia de Galicia (1865).
Nas décadas de 1850 e 1860 os galeguistas acaban integrándose nas filas do Partido Demócrata
(Eduardo Chao, Indalecia Armesto…).
9

Você também pode gostar