Você está na página 1de 5

Señor Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, moi estimado Padriño

da decimoterceira promoción de Enxeñeiros Químicos, señores e señoras


membros da dirección e profesorado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría,
representante do mundo empresarial e do Colexio de Enxeñeiros Químicos de
Galiza, aprezados familiares e amigos, queridos compañeiros e compañeiras,

“Volverán las oscuras golondrinas”,

como vedes, tal e como comezou unha das nosas clases comezamos este discurso
dos alumnos. Aínda que, entre amigos, tamén se podería comezar con un simple
“Hola to everybody”.

Hoxe, neste Salón de Actos, poñemos fin de xeito simbólico a unha etapa nas
nosas vidas, e abrimos outra: Poñemos fin a 5 anos (reitero, simbolicamente) de
estudos de Enxeñaría Química e abrimos moitos máis de Enxeñaría como
profesión. Polo tanto é hora non só de facer memoria, de recapitular, senón
tamén de mirar cara adiante.

Lembrades aquela mañá de comezos de Outubro de 2006? A chegada á ETSE , a


sensación de estar perdidos, de non coñecer a ninguén, de atoparse entre estranos.
Seguro que, coma min, recordades a esas primeiras persoas coas que vos
cruzastes, coas que entablastes conversa, as máis das veces acerca da vosa
procedencia, do lugar onde iades vivir naquel xa lonxano primeiro curso, do que
agardabades da carreira, para estes cinco ou máis anos...

E as primeiras clases, nas que por certo se nos dixo moi claro que “No veníamos
aquí a hacer amigos”; afortunadamente non era de todo certo. Pero tamén é
verdade, que aprendimos moitas cousas grazas a eses profesores que ao comezo
querían meternos o medo no corpo.

Porque imos deixar ben claro un asunto: ningún de nós sabiamos con certeza qué
demos era aquelo de Enxeñaría Química. Algúns pensaban que era como a
Licenciatura en Química pero “máis divertido”, outros que sería semellante pero
“con máis saídas”, a outros dáballe algo igual porque estaba situada en Santiago;
e o certo é que a ninguén lle faltaba razón. Nunha das primeiras clases tentaron
explicárnolo, para que non nos tiveramos que ruborizar cada vez que alguén nos
preguntaba que era o que estudabamos:

“La Ingeniería Química es la aplicación simultánea de las ciencias: física,


química, economía y relaciones humanas al desarrollo, funcionamiento e
instalación de procesos y equipos en los que la materia es tratada para
lograr un cambio de estado, contenido en energía o composición de la
materia”

Desgrazadamente unha aplastante maioría de nós seguimos sen entendelo durante


bastante tempo... polo que aquel mesmo profesor da complexa definición nos
achegou outra explicación moito máis sinxela: Na enxeñaría química, Química é
o adxectivo, e Enxeñaría é o sustantivo.

O bo é que non só aprendimos conceptos, ideas ou destrezas relacionadas coa


Física, coas Matemáticas, coa Química, ou coa Enxeñaría... aprendimos grazas
aos nosos profesores asuntos da máis variada pelaxe.

Quen de vós sabía antes que existía unha cor, tan útil para describir substancias
química inorgánicas, como o a cor “vino de Burdeos”? Abriunos a mente a unha
nova gama de cores, entre as que poderíamos atopar a cor Ribeiro ou Albariño
ou unha cor viño Mencía, ou viño Barrantes.

Aprendimos tamén léxico novidoso, como o feito de que as palabras “Por” e


“Ejemplo” atopan en “Porjemplo” unha síntese moi útil, ou que “despois” e “xa”
poden converterse facilmente en “dispoixa”.

No relativo aos nosos traballos académicos, aínda que nos vou negar que se nos
esixiu bastante, tamén houbo quen nos tranquilizou ante tomas de datos no
laboratorio disparatadas, posto que sempre é válido afirmar que algo “Está no
Rango”, e que ás veces, podemos facer as cousas “a ojímetro”.
Porque lembrade que o volume dun elefante non hai por que calculalo con
fórmulas imposibles ou experimentos complicados, como farían matematicos e
físicos; nós os enxeñeiros témolo fácil: tan só temos que aproximar o volume do
animal a unha esfera.
Houbo quen nos tranquilizou despois de pedirnos o imposible con un repetido
“Que non cunda o pánico”, a pesares de facernos “preguntas capciosas”.

E tamén houbo, por suposto, quen nos fixo estar constantemente en garda con
frases tan concluíntes como “por cosas como esa muere gente” ou mantermos os
pés na terra porque “damas y caballeros, esto no es un circo”.

Tamén nos ensinaron aquí cousas moi prácticas. Como por exemplo... cando un
ten un problema, a quen chama? A un amigo! E outras algo máis esotéricas,
como que a auga é filla de Satanás...

Pasamos xuntos centos de horas. Por exemplo en clase, vale, uns máis que
outros. Ás veces atentendo e outras veces...bueno, outras facendo de todo menos
atender, porque de cando en cando o corpo pedía un crucigrama, un tutifruti, un
cotilleo (ou varios) ou estranas aficións como a de contar “concretamentes”. Dise
que o récord foron 192 nunha hora.

Tamén en prácticas, no laboratorio, onde ademais de experimentar causamos


pequenas desfeitas e onde tamén nos soubemos divertir. E descubrimos que a
cafetería é unha extensión dos laboratorios...e si, tamén do resto da actividade
académica. E se non pasamos máis tempo alí foi pola calidade do café!

Tamén dimos o callo cando foi necesario, compartimos horas e horas de


biblioteca; tanto na da ETSE como na nosa xa querida “Conchi”. E momentos de
tensión nas horas en punto grazas a ese contacto, que temos todos en común,
chamado USC.NOTAS, que nos deu algúns momentos de tristeza e moitas
alegrías...as mellores, sen dúbida, as inesperadas.

E tivemos unhas cantas ceas. A primeira foi, se cabe, a máis importante, posto
que a maioría de nós non nos coñecíamos, e a complicidade e as conversas
aumentaban de xeito inversamente proporcional ao nivel das botellas de viño. E a
última ata o momento, en Cuba, onde pasamos unha semana memorable (como
certificarán as fotos do final do acto), nun país onde o restaurante pecha as súas
portas cando entra un grupo coma nós. Un país, sen dúbida, fascinante.
Para poder irnos de viaxe organizamos todo tipo de eventos, nesta escola e fóra
dela, o máis esperado e recordado: sen dúbida a fiETSE!, na que algúns se
convertiron en cociñeiros que dominaron a nobre arte do criollo, outros en
camareiros dignos do mellor pub e outros incluso se subiron ao escenario a dar a
nota. E na que tamén demostramos as nosas dotes enxeñariles coa montaxe
daquel toldo antichoiva.

Pero como dicía ao comezo, non todo é hoxe mirar ao pasado. Tamén temos que
ollar cara adiante.

Repetíronolo centos de veces: estamos en crise. E sexamos realistas: esta crise é


o momento que nos tocará a nós para afrontar a saída ao mercado laboral. Unha
crise que seguramente ningún dos que estamos aquí contribuimos a crear, pero
que todos pagamos. Son temos difíciles, posto que a nosa xeración será a
primeira que non teña garantida unha mellora nas súas condicións con respecto á
dos seus pais. Pero non hai crise que non se superara, e seremos nós sen dúbida
quen teremos que contribuir a que esta situación inxusta non se repita. Sexamos,
pois, dentro do que cabe, optimistas.

E nun día como hoxe, no que reunimos neste Acto ás persoas que queremos, é
tamén momento de darlles as grazas aos nosos pais, familiares, amigos, polo
apoio que sempre nos brindan. E ás veces, incluso, por que non dicilo?... por
aguantarnos.

E especialmente recordar a aquelas persoas que hoxe nos gustaría ter aquí, entre
nós, e ás que de seguro lles gustaría estar, pero que por desgraza xa non poden.
Para eles o noso recordo.

Dicíavos ao comezo do discurso que lembrárades aquel primeiro día de clase, as


caras descoñecidas, a sensación de estar perdidos. E agora mirade ao voso
arredor. Se ollades ás persoas que están sentadas hoxe aquí, na maioría
percibiredes confianza, quizais nuns poucos diferenzas (despois de cinco anos
tamén é certo que non todo foi de color de rosa, e é normal), na mirada duns
cantos atoparedes unha amizade moi profunda, unha amizade que quizais naquel
outubro de 2006 vos parecía imposible de acadar.
Pero hai algo que vos suxerirá a mirada de todas e cada unha das persoas que
tedes ao redor. Un común denominador que pode describirse cunha soa palabra:
compañeiros, compañeiras.

Moita sorte a todos e a todas. O tempo seguro que a moitos nos volverá a xuntar,
quen sabe onde, e recordade que a condición de “compañeiro” xamais
deberíamos esquecela.

E moitas grazas a todos os que nos acompañades hoxe neste Salón de Actos.
Permitide que remate o discurso tal e como comezou.

Volverán las oscuras golondrinas


en tu balcón sus nidos a colgar,
y otra vez con el ala a sus cristales,
jugando llamarán;

pero aquellas que el vuelo refrenaban


tu hermosura y mi dicha al contemplar;
aquellas que aprendieron nuestros nombres,
esas... ¡no volverán!

Moitas grazas.

Você também pode gostar