Você está na página 1de 2

1.

Un planeta con vida no Sistema Solar


A Terra é o único planeta do Sistema Solar no que existe a vida. As características que a fan posible
son as seguintes:
•   Unha temperatura moderada. A Terra encóntrase a unha distancia apropiada do Sol: se
estivese máis preto ou máis lonxe, a vida sería imposible, porque iría demasiada calor ou demasiado
frío.
•   A existencia da atmosfera. Trátase dunha capa gasosa que impide que o noso planeta queza ou
arrefríe demasiado. Ademais, os gases que contén son imprescindibles para a
vida.
•   A presenza de auga líquida. É unha condición indispensable para o desenvolvemento da vida.
A vida na Terra desenvólvese nunha zona chamada biosfera, que é o espazo que envolve por
debaixo e por arriba a superficie do planeta.
2. As capas externas da Terra
A parte externa da Terra está formada por tres capas:
•   A atmosfera. É a capa gasosa que rodea a Terra. Está composta principalmente por nitróxeno e
osíxeno, e outros gases en menor cantidade.
•   A hidrosfera. É o conxunto de augas que hai no planeta:
océanos e mares, ríos e lagos, augas subterráneas, xeos e o
vapor de auga que contén a atmosfera.
•   A litosfera. É a parte sólida e externa da Terra. Esta capa
está formada polos continentes e polos fondos dos mares e
océanos.
3. O movemento de rotación da Terra
A Terra móvese permanentemente polo espazo. Realiza dous
movementos, o de rotación e o de translación.
O movemento de rotación é o xiro da Terra sobre o seu propio
eixe. O noso planeta executa un xiro completo cada 24 horas,
o que dá lugar á sucesión dos días e das noites. En cada
momento, na metade da Terra que recibe a luz do Sol é de día.
Na outra metade, onde a luz do Sol non chega, é de noite.
4. O movemento de translación da Terra
O movemento de translación é o desprazamento da Terra arredor do Sol. A Terra tarda en dar
unha volta completa 365 días e 6 horas. Por iso, cada catro anos engádeselle un día máis ao mes
de febreiro. Ese ano chámase ano bisesto.
A posición do noso planeta con relación ao Sol varía segundo a época do ano. Por iso se suceden as
estacións.
•    No  verán,  os  raios  do  Sol  caen  de  forma  máis  directa  sobre a superficie da Terra.
Por iso é a estación máis calorosa.
•    No inverno, os raios do Sol chegan con maior inclinación e  dan menos calor. Por iso é a
estación máis fría.
•    Na primavera e no outono, os raios solares bañan de maneira similar os dous hemisferios. Son
estacións intermedias.
Cando nun hemisferio é verán, no outro é inverno; e cando é primavera, no outro hemisferio é
outono.
5. O globo terráqueo e os mapas
A Terra ten forma esférica, pero non é unha esfera perfecta, senón que está lixeiramente achatada
polos polos. A esta forma chámaselle xeoide.
Hai dúas formas de representar a Terra: o globo terráqueo e os mapas.
O globo terráqueo é a forma máis precisa de representala porque ten unha forma esférica. Iso fai
que non se deformen as distancias, as formas, o tamaño e a distribución dos continentes e océanos.
Pero o globo terráqueo é difícil de transportar, representa poucos detalles, non se pode reproducir e,
sobre todo, nel é imposible ver á vez toda a superficie do planeta.
Por iso, os mapas son a forma máis usual de representar a Terra.
Os mapas representan nun plano a superficie terrestre. Con todo, como o noso planeta non é plano,
os mapas distorsionan as formas, as distancias e as superficies.
Segundo a información que conteñan, existen distintos tipos de mapas.
Os mapas físicos representan o relevo e as augas dun territorio.
Os mapas políticos indican as fronteiras e as divisións administrativas dunha zona.
Os mapas temáticos dan información sobre un aspecto concreto: poboación, clima, alimentación
6. As coordenadas xeográficas
Para poder localizar calquera lugar da Terra, as persoas ideamos un sistema de liñas imaxinarias, os
paralelos e os meridianos.
Os paralelos e a latitude
Os paralelos son círculos imaxinarios que rodean a Terra e son paralelos ao ecuador, que é o
paralelo principal. O ecuador divide a Terra en dous hemisferios: o hemisferio norte e o
hemisferio sur. Outros paralelos importantes son o trópico de Cáncer, o trópico de Capricornio, o
círculo polar Ártico e o círculo polar Antártico. Os paralelos numéranse desde o ecuador ata os
polos en graos, desde 0º ata 90º.
Os paralelos miden a latitude, que é a distancia angular que hai entre calquera punto da Terra
e o ecuador. A latitude pode ser Norte (N) ou Sur (S), segundo se encontre ese punto no
hemisferio norte ou no hemisferio sur.
Os meridianos e a lonxitude
Os meridianos son semicírculos que unen os polos. Numéranse en graos, desde 0º ata 180º. O
meridiano cero ou meridiano principal é o meridiano de Greenwich; e os demais cóntanse a partir
del.
Os meridianos miden a lonxitude, que é a distancia angular que hai desde calquera punto da
Terra ata o meridiano de Greenwich. A lonxitude pode ser Leste (L) ou Oeste (O), segundo se
encontre ese lugar ao leste ou ao oeste do meridiano de Greenwich.
Para dar a posición exacta dun lugar temos que coñecer a súa latitude e a súa lonxitude, é dicir, as
súas coordenadas xeográficas.
7. A escala.
Os mapas representan a realidade de forma reducida. Para saber canto se reduciu a realidade nun
mapa utilízase a escala, que indica a relación que hai entre o tamaño dun territorio na realidade
e o que ocupa no mapa. A escala pode indicarse de dous xeitos:
•  A escala numérica. Exprésase mediante unha fracción. O numerador representa unha unidade no
mapa, e o denominador, o seu tamaño na realidade.

•  A escala gráfica.
É unha recta dividida en segmentos iguais, normalmente dun centímetro. As cifras indícannos canto
representa cada segmento na realidade.

Un territorio pódese representar a diferentes escalas. Canto maior é a escala, menor nivel de detalle
ten un mapa, porque o territorio se reduciu moito para reproducilo no mapa.

Você também pode gostar